Barbanza Arousa entrega os premios do circuíto ‘Catro carreiras, unha meta’

RIBEIRA> A Mancomunidade Barbanza Arousa pechou o circuíto de carreiras populares coa entrega de premios a tódolos clasificados. Foron 60 os corredores que pasaron polo podio para recoller os seus trofeos.

O auditorio municipal de Ribeira acolleu a pasada tarde a gala organizada pola Mancomunidade Barbanza Arousa para entregar os premios do seu circuíto de carreiras populares.

Os 60 premiados nas distintas categorías foron pasando polo podio para recibir os trofeos que acreditan os mellores tempos nas catro probas que compoñen o circuíto ‘Catro Carreiras, unha meta’. Con esta gala, a mancomunidade pecha unha das súas principais apostas pola práctica deportiva en combinación coa promoción turística do territorio.

A gala, conducida polo xornalista Terio Carrera, e amenizada polo dúo cómico ‘Sobria e Serena’ contou cunha ampla representación do tecido deportivo e social así como autoridades locais de toda a comarca.