O Conselleiro de Sanidade escoitará as demandas da alcaldesa de Meis

MEIS> O Conselleiro de Sanidade accede a reunirse coa alcaldesa de Meis para analiza-la situación sanitaria do municipio. No encontro, Marta Giráldez quere poñer sobre a mesa a falta de persoal e as consecuencias que está a ter na atención ós veciños. Tamén demandará a reposición dos servizos de pediatría e matroa e a reapertura do consultorio de Paradela.

Despois de meses denunciando a situación da sanidade en Meis e tras varias reunións co xerente da área sanitaria, a Xunta move ficha e accede a celebrar un encontro entre a alcaldesa da localidade e o Conselleiro de Sanidade. O encontro vaise celebrar en vindeiras datas.

A alcaldesa aproveitará o encontro con Julio García Comesaña para denuncia-la falta de persoal e as consecuencias que iso implica. Tamén demandará a volta de servizos que considera esenciais, como a matroa ou o pediatra; e a reapertura do consultorio de Paradela.

A xuntanza confírmase apenas dúas semanas despois da mobilización organizada tralo colapso do ambulatorio da Rochela. Unha situación que, polo momento, non se volveu repetir. Agora, o problema, podería trasladarse ó consultorio de San Martiño.

A alcaldesa aproveitará o encontro tamén para preguntar por outro asunto vital para a sanidade meisina: a construción dun novo centro de saúde.

A reunión entre Comesaña e Giráldez vai ter lugar nas dependencias da Xunta en Pontevedra.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí