CAMBADOS> Mañá á noite vaise celebra-lo Pleno no que se fará efectiva a renunica de Fátima Abal. A aínda alcaldesa de Cambados presentou a súa renuncia esta mañá no Rexistro. Di marchar ‘limpa’ e sen deberlle favores a ninguén. Xustifica a súa renuncia en problemas de saúde, indicando que o seu ciclo político na primeira liña rematou. Samuel Lago, o ata o de agora, número dous do PSOE en Cambados ocupará a alcaldía a partir deste vindeiro sábado.
Será mañá, martes, cando Fátima Abal faga efectiva a súa dimisión como alcaldesa de Cambados. A socialista, que descarta xa novas responsabilidades políticas, di que marcha como chegou.
A aínda alcaldesa asegura que tomou a decisión porque non entende a política como profesión, polas súas novas aspiracións académicas e, en especial, por un problema de saúde.
Abal aproveitou para facer balance dos últimos anos. Do lado bo, destacou o saneamento das contas municipais. Do malo, a traxedia do ‘Sin querer 2’ e as causas xudiciais, finalmente arquivadas, que mesturaron o político co persoal.
Rexedora dende o ano 2015, Abal entende que o rumbo de Cambados mudou nestes últimos seis anos e medio. Quedará ata que remate o mandato como concelleira coas áreas que xa xestionaba ata o de agora, como igualdade ou mar. Á fronte do concello pasará a estar o ata o momento número 2 dos socialistas, Samuel Lago.
Lago amosou xa a súa disposición a se-lo cabeza de cartel dos socialistas no 2023. Ata de aquela estará á fronte dun bipartito en minoría ao que, en principio, non se sumará o BNG.
Tamén está pendente a negociación das liberacións que, ata o de agora, só desfruta a alcaldía. Ademais, esta tarde PSOE e Somos Cambados mantiveron unha reunión para revisa-lo seu pacto de goberno nun momento de certa tensión entre ambas formacións. Os de Tino Cordal amosaron xa o seu malestar polo xeito no que xestionaron os socialistas o relevo de Fátima Abal.