A Xunta fomenta a compra de vivenda nos cascos históricos cunha liña de axudas

PONTEVEDRA> A Xunta de Galicia lanza unha liña de axudas para fomentar a compra de vivendas nos cascos históricos das vilas. Poderán beneficiarse destas achegas distintas zonas de concellos como Pontevedra, Poio, Vilagarcía, Caldas ou Cambados. O orzamento total ascende aos 600.000 euros.

Ata 12.800 euros de axuda por mercar unha vivenda nos centros históricos das vilas. Esta é a liña de axudas que pon en marcha a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda para apoiar a recuperación destes barrios.

Na nosa contorna, algúns dos espazos que poden beneficiarse desta liña de axudas son a zona vella de Pontevedra e o núcleo de Estribela, Combarro en Poio, Carril e Vilaxoán en Vilagarcía, o barrio de San Tomé en Caldas ou o centro histórico de Cambados.

Esta é a terceira convocatoria do programa, que chega con novidades. Ademais de multiplicarse o orzamento case por tres ata os 600.000 euros, elimínase o requisito de ser menor de 35 anos para poder acollerse. Tamén se amplía o límite de ingresos, que non poderán superar os 48.877 euros.

Os compradores menores de 35 anos poderán recibir un máximo de 12.800 euros. Para os maiores, a contía máxima será de 10.800. A axuda non poderá superar o 20% do prezo de adquisición. O prazo de presentación de solicitudes remata o 1 de setembro.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí