Ruptura no seo do goberno noiés coa renuncia de Luís Alamancos tras votar en contra dos orzamentos

NOIA> Sorpresa no pleno de Noia. O concelleiro do PP Luís Alamancos votou en contra da proposta de orzamentos do executivo impedindo a súa aprobación. O ata agora edil popular abandona as filas populares aínda que seguirá como edil no grupo mixto.

Aínda que en principio si daban os números, a proposta de orzamentos do goberno de Noia non saíu adiante. Sen previo aviso e por sorpresa, un dos concelleiros do PP, Luís Alamancos, votou en contra do seu propio grupo. Unha postura que o alcalde de Noia considera incoherente posto que si apoiou a aprobación provisional das contas no mes de xullo.

Tralo pleno, Luís Alamancos presentou a súa renuncia ás responsabilidades de goberno que viña ostentando dende o inicio da lexislatura, nas áreas de persoal e Policía Local. Aínda así , manterá a súa acta de concelleiro como membro do Grupo Mixto.

O cambio de postura de Alamancos derivou no rexeitamento dos orzamentos polo que o concello deberá traballar o resto do ano coas contas de 2023 prorrogadas, o que implicará importante prexuízos para os noieses, tal e como advertiu o alcalde.

A renuncia do ata o de agora edil do PP implica ademais que o executivo conformado polo grupo popular e o NOIA quede en minoría con 8 concelleiros fronte ós 9 da oposición.