Meis busca un espazo alternativo para o alumnado da escola infantil mentres dure a súa rehabilitación

MEIS> O Concello de Meis busca solucións para que a escola infantil non teña que pecha-lo curso que vén, no tempo que duren as obras de rehabilitación do edificio. O calado da reforma impide que os traballos se poidan compaxinar coa actividade lectiva. O goberno local vaille propoñer á Xunta locais alternativos para traslada-la actividade, entre eles, reubicar a escola infantil de xeito temporal en aulas do colexio da Armenteira. Se ningunha das solucións satisface as necesidades do goberno, o curso que vén a escola infantil terá que pechar.

A escola infantil de Meis será obxecto dunha fonda rehabilitación. Esta boa nova ten a súa parte negativa. No tempo que duren eses traballos, alí non se vai poder desenvolve-la actividade lectiva.

A previsión do goberno local é que eses traballos arranquen neste verán, en agosto ou comezos de setembro, polo que afectaría de cheo ao vindeiro curso. Están á procura dun espazo alternativo para propoñerlle a Política Social trasladar de forma temporal a escola infantil, para que as familias non se vexan afectadas.  Sobre a mesa varias opción, cunha que consideran preferente.

A última palabra vaina ter a Xunta. No caso de que ningunha das propostas que ofreza o concello cumpra os seus requisitos, as familias terían que matricula-los nenos e nenas noutras escolas infantís. Nestes momentos alí hai 39 nenos. A alcaldesa recoñece as molestias que todo isto pode causar, pero salienta que a obra prevista transformará por completo o espazo e permitirá gañar 10 novas prazas.

O proxecto poderá executarse grazas a unha subvención da Deputación de Pontevedra, que asumirá o 80% dos 400.000 euros que custará a actuación. O restante correrá a cargo do concello. A obra está aínda pendente de licitación.