RIBEIRA> A Xunta de Galicia sacou hoxe a información pública por un período de quince días o Plan Reitor de Usos e de Xestión do Parque Natural de Corrubedo. Así o anunciou esta mañá en Ribeira o delegado territorial da Xunta, Gonzalo Trenor. Segundo el trátase do último dos trámites antes de sometelo á súa aprobación definitiva.
Despois da súa aprobación, un trámite que se levaba a cabo hai unhas semanas, o Plan reitor de usos e xestión do complexo dunar de Corrubedo e Lagoas de Carregal e Vixán, inicia hoxe, co prazo de exposición pública, o último dos chanzos antes da súa aprobación definitiva por parte do Consello da Xunta.
O alcalde, Manuel Ruíz, destacou a importancia deste documento que regulará os usos públicos do parque e as medidas de xestión necesarias para compatibilizalo coa súa conservación.
Entre as novidades do novo PRUX destaca a inclusión de tres anexos, entre eles o de zonificación.
O documento someterase a consulta pública por un período de 15 días. Finalizado o dito prazo e despois de analizar as aportacións recibidas e valorar as posibles modificacións, o PRUX será remitido ó Consello Galego de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible para sometelo ó seu informe, previsiblemente no mes de abril. Este será o derradeiro paso antes da súa aprobación definitiva por parte do Consello da Xunta.