BOIRO> Nestes cen primeiros días de goberno, o concello de Boiro realizou un eficiente traballo de planificación para xerar as bases das principais liñas de traballo que rexerán a lexislatura.
Unha vez instaurado o reparto de áreas e a toma de contacto dos novos concelleiros, as prioridades do executivo foron a aprobación do orzamento municipal e a estabilización do persoal municipal.
Neste sentido, no primeiro pleno da lexislatura saiu adiante o presuposto de 2023 e o goberno traballa xa no do próximno exercicio para que poida entrar en vigor unha vez comezado o ano.
En materia de persoal, tras concluír o proceso de estabilización, o concello traballa xa na actualización da RPT. Aprobouse tamén unha oferta pública de emprego na que se convocan 8 prazas.
A aposta pola formación e a creación de chan industrial son outros dos retos que se marca o goberno para a presente lexislatura.
En materia de investimentos, o alcalde destacou a importancia dos Fondos Next Generation que permitirán proxectos tan necesarios como a ampliación da Casa da Cultura da Cachada.











