RIBEIRA> O concello de Ribeira e Portos de Galicia tentarán achegar posturas trala polémica sobre o emprazamento das atraccións das festas. Este venres está prevista unha xuntanza entre responsables de ámbalas dúas administracións para buscar alternativas que permitan a instalación dos postos.
Trala solicitude realizada polo concello de Ribeira, Portos de Galicia convocou unha reunión para este venres. Os responsables do goberno municipal reuniranse coa Xefa de Zona para abordar a instalación das atraccións en zona portuaria. Aínda que o concello tratará de manter o actual emprazamento na explanado portuaria, ven complicado que o organismo autonómico acceda por tratarse dunha zona de alta actividade portuaria clasificada en nivel vermello. Dende o concello apelan á vontade de diálogo na busca dunha solución que satisfaga as demandas dos titulares dos postos que xa manifestaron o seu desacordo co cambio previsto.
Para os representantes da administración local, a actitude de Portos responde a intereses partidistas posto que nunca se procedeu a sancionar mentres o PP ostentou a alcaldía de Ribeira.
Consideran que, con este cambio de criterio, non só están a penalizar ó goberno senón a toda a cidadanía.