Formalizado o divorcio no PP de Barro: Landín, Suárez e Martínez xa son edís non adscritos

BARRO> Onte no pleno de Barro confirmouse a marcha de tres dos catro edís do Partido Popular ao grupo de non adscritos. José Antonio Landín, José Suárez e Lucho Martínez abandonaron a formación popular. Fixérono ao día seguinte de firmar ante notario a constitución dun novo partido político, Xuntos por Galicia, presidido polo propio Landín.

José Antonio Landín, José Suárez e Lucho Martínez formalizaron o seu divorcio do Partido Popular de Barro. No pleno celebrado onte pasaron a formar parte do grupo de edís non adscritos.

O PP queda así cun único concelleiro, Alberto Diz. El forma parte da xestora que dirixe o partido en Barro, presidida por Eduardo Ruadas. O seu nomeamento foi o que desatou a treboada que rematou coa marcha de Landín, Suárez e Martínez.

O paso dos tres concelleiros ao grupo de non adscritos oficializouse ao día seguinte de que formalizaran a constitución dun novo partido político: Xuntos por Galicia.

A nova formación ten a Landín como presidente. Suárez é o seu secretario e Lucho Martínez, o tesoureiro. O partido nace con vocación local pero tamén autonómica.

O seu presidente adiantou que están a manter contactos con outros municipios para poder presentar listas máis aló de Barro nas eleccións municipais do 2023.

Iso si, non concretou os concellos nos que se están a producir estas conversas, aínda que os rumores apuntan ao posible nacemento de Xuntos por Portas. Ademais, nas redes sociais existe o perfil Xuntos por Ribadumia, moi crítico coa xestión do goberno de David Castro, que se fixo eco do nacemento da formación encabezada por José Antonio Landín.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí