Quintana avoga pola cooperación entre o sector do mar e os investigadores

BARBANZA> A conselleira do Mar, Rosa Quintana, visitou esta mañá en Ribeira as instalacións do Clúster da Acuicultura de Galicia. A visita, na que estivo acompañada por representantes das federacións de confrarías, tiña coma principal finalidade avanzar na coordinación dos esforzos de investigación existentes na mellora da produción de semente dos recursos mariños.

Na súa visita ás instalacións do Cluster de Acuicultura de Galicia, en Couso, Rosa Quintana puxo de relevo o traballo que se desenvolve no centro, segundo ela un referente a nivel internacional en canto ó cultivo de peixes planos. De aí a intención de Mar, de aproveitar todas estas potencialidades e coñecementos,  e tender pontes entre o sector e os científicos co obxectivo de fomentar vías de colaboración en beneficio do mar de Galicia.

A titular de Mar aproveitou ademais a presenza de representantes das distintas federacións provinciais de confrarías e tamén da federación nacional para insistir na necesidade de cooperación entre sector e investigadores, un elemento segundo ela clave para aproveitar ó máximo os fondos europeos Next Generation en aspectos como a mellora da produción de semente de moluscos bivalvos.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí