O alcalde da Pobra reunirase coas monitoras para explicar as causas da privatización do servizo

A POBRA> O alcalde da Pobra reunirase este xoves coas traballadoras do servizo de conciliación para explicarlles as causas que impiden a renovación do seu contrato. O concello sacou a licitación o contrato para prestar este servizo  ante a obriga legal que implica a reforma laboral en materia de contratación pública.

Aínda que son conscientes e comprenden o malestar das traballadoras do servizo de conciliación, dende o concello da Pobra explicaron que non lles quedou máis remedio que licitar o contrato. Trátase dunha obriga legal posto que a actual normativa en materia laboral impide seguir encadeando contratos temporais dun servizo que se presta de maneira continuada. Ademais as prazas das monitoras non aparecen recollidas na RPT e a taxa de reposición non permite a súa contratación.

Con respecto ás acusacións de opacidade e falla de transparencia vertidas polas monitoras, o alcalde aclarou que en ningún momento houbo vontade de ocultar información. A este respecto,  está prevista unha reunión para mañá mesmo na que se lle explicarán as causas que impiden a renovación do contrato.