Aumentan as restricións en Boiro e Noia

BARBANZA> A Pobra do Caramiñal segue sumando casos. Hoxe son xa 41, dous máis ca onte. Nas últimas horas tamén se coñecía do falecemento dunha veciña da localidade por esta doenza. Ó parecer presentaba tamén patoloxías previas.

Pero non son as únicas novidades nesta área sanitaria. O Subcomité Clínico de Sanidade acordaba tamén hoxe elevar a nivel alto a Boiro. Na última xornada produciuse unha suba de novos positivos, pasando de 24 a 27. Isto implicará novas restricións para a hostalería. Non poderá servirse dentro dos locais e a capacidade das terrazas quedará limitada ó 50%.

Outro dos cambios producirase en Noia que hoxe presenta 15 casos activos. A vila noiesa pasa de nivel baixo a medio. Isto implicará a redución da capacidade dos locais hostaleiros, que disporán do 30% no interior e do 50% en terrazas. Os cambios serán efectivos a partir do vindeiro luns.

Os demais municipios desta área seguen en niveis máis baixos, na franxa de 1 a 9 contaxios nos últimos catorce días. En canto ó volume total, despois da baixa no número de contaxios experimentada onte, observamos un novo incremento, pasando dos 318 ós 331, o que supón 13 positivos máis. Si se mantén nas mesmas cifras da xornada anterior tanto o número de pacientes ingresados en planta, 14, como a cifra de ingresos na unidade de críticos 4.

Precisamente o incremento de casos activos experimentado en Boiro nos últimos días, hoxe xa son 27 positivos, foi unha das razóns tamén polas que a consellería de Sanidade decidiu realizar un cribado poboacional no municipio.

Farase durante a fin de semana no centro de saúde do Saltiño. Serán citados a través de mensaxe nos seus dispositivos móbiles uns catro mil veciños, de idades comprendidas entre os 30 e 45 anos.

Dende o Sergas inciden en que debe respectarse o horario establecido, para así evitar aglomeracións.

Mediante este cribado preténdese frear a cadea de contaxios, localizando a posibles casos asintomáticos.