As farmacias de Pontevedra buscan asintomáticos entre menores de 12 a 17 anos

PONTEVEDRA> Ademais destes cribados puntuais nos concellos, a Consellería de Sanidade reforza a súa busca de asintomáticos. Nesta tarefa volve botar man da rede de farmacias da provincia de Pontevedra. Dende hoxe está activo un novo cribado, dirixido desta volta á rapazada de entre 12 e 17 anos. Están citados máis de 50.000 mozos para participar no programa, que conta con 388 farmacias adheridas.

A Consellería de Sanidade volve recorrer á rede de farmacias de Pontevedra para localizar persoas asintomáticas. Desta vez, entre a rapazada. Trátase dunha iniciativa pioneira, cun cribado dirixido a mozos e mozas de entre 12 e 17 anos, e na que participan 388 farmacias de toda a provincia. Entre elas a da Praza de España de Pontevedra.

O programa comezou hoxe e polas farmacias pontevedresas apareceron os primeiros usuarios. Os menores de 12 a 15 anos terán que ter un permiso asinado polos seus pais ou titores e non é necesario que sexan eles os que recollan o kit na farmacia. Pode ir a persoa que figure no consentimento levando a tarxeta sanitaria do rapaz. Os mozos de 16 e 17 anos só terán que ir se deciden asinar eles mesmos o permiso.

O cribado realízase con test de antíxenos por PCR, analizados a través da técnica de pooling. Están chamados a participar máis de 51.000 mozos e mozas de entre 12 e 17 anos coa tarxeta do Sergas.

Este programa é herdeiro do que xa se realizou no mes de febreiro, con probas masivas a persoas de entre 40 a 64 anos. A campaña permitiu detectar 74 positivos, tras realizar tests a case 40.500 persoas.

Dende o Colexio de Farmacéuticos de Pontevedra agardan que esta convocatoria repita o éxito da anterior. Por iso piden tamén a implicación dos centros educativos para dar a coñecer esta campaña entre o seu alumnado, co obxectivo de detectar os casos asintomáticos. Recordan que nenos e adolescentes están considerados como os maiores transmisores silenciosos da covid.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí