O GROVE> Dani lanza unha oferta para facerse coa planta de Thenaisie do Grove. A proposta da conserveira catalá garante só a continuidade de 12 postos de traballo e deixa fora a planta de Mos, onde hai agora medio cento de empregados. A CIG, sindicato maioritario na conserveita meca, considera a oferta unha tomadura de pelo. Comisións Obreiras, pola súa banda, apoia a oferta porque -di- garante a continuidade da planta.
Unha auténtica tomadura de pelo. Así cualifica a CIG a oferta de Conservas Dani pola planta de Thenaisie do Grove. A proposta da compañía catalá garante só a continuidade de 12 postos de traballo.
A central nacionalista avanza unha serie de alegacións que van presentar no xulgado, coas que, de paso, agardan obter información da oferta.
Dani indica que precisa 6 meses con ese cadro de persoal reducido, mentres renova as instalacións. Comisións Obreiras ve a oferta con bos ollos, aínda que reclama que se salven máis empregos, algo ao que a empresa xa tería accedido.
A CIG, ademais, lamenta que a oferta sexa só pola planta do Grove e deixe fóra a de Mos, onde hai en xogo medio cento de postos de traballo. Algo que para CCOO non é un problema.
Pola súa banda, a presidenta do Comité de Empresa lamentou hoxe a falta de unidade sindical ao longo do conflito. Cre que se deixou morre-la oferta do empresario Alfonso Caneiro.
Tamén pon en cuestión o papel do alcalde do Grove, ao que acusa de non chamar nin unha soa vez á CIG para preguntar polo futuro da planta meca.