Un pai perde a custodia compartida do seu fillo por deixar que xogue demasiado ao Fortnite

O SALNÉS> A Audiencia de Pontevedra retíralle a custodia compartida a un pai de Arousa polos videoxogos. Na sentenza, indícase que o proxenitor lle permitía pasar demasiadas horas xogando, en especial, ao popular Fortnite. O tribunal considera que a permisividade do home era prexudicial para o menor, cun problema de adición diagnosticado.

O Fortnite é unha revolución entre a rapazada e tamén entre moitos adultos. Un videoxogo no que ducias de xogadores pelexan en liña por se-lo derradeiro supervivente nunha illa e que se converteu tamén no cabalo de batalla pola custodia dun menor arousán.

O seu pai perdeu a custodia compartida por, entre outras cousas, deixar que pasase demasiadas horas diante da pantalla.

Unha presunta adición, di o avogado do pai, que non sería só responsabilidade do seu cliente.

Pero a Audiencia Provincial de Pontevedra atendeu os argumentos da muller, baseándose tamén nun informe psicolóxico de parte, solicitado pola nai. A defensa do pai entende que é incompleto e parcial.

A defensa da nai entende que a adición do menor aos xogos repercutiu, por exemplo, no seu rendemento académico. Un argumento que non comparte o pai, insistindo en que non hai ningún diagnóstico clínico que o probe.

O pai ten agora unha custodia con visitas ordinarias, con fins de semana alternos e días entre semana. A súa defensa recorreu ao Tribunal Supremo a través dun recurso co que se pretenden revisa-lo caso.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí