BARBANZA> Un equipo de mergulladores da Armada conseguiu extraer do fondo do mar, entre Corrubedo e Espiñeirido, dous canóns de bronce que poderían datar do século dezaseis. Ó parecer foran atopados hai uns días por uns mariscadores da confraría de Aguiño, que andaban á captura do ourizo.
Os canóns estaban localizados a uns vinte metros de profundidade. No operativo habilitado para o traslado dos dous canóns a terra, colaboraron unha embarcación do Servizo de Gardacostas e outra da Armada.
Técnicos da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, dependente da consellería de Cultura, supervisaron tamén os labores de recuperación dos canóns. Eles serán os encargados de estudalos e determinar con maior exactitude a súa antigüidade e posible orixe.