PONTEVEDRA> O vindeiro 4 de febreiro conmemórase o Día Mundial Contra o Cancro. Unha efeméride que este ano a Asociación Española contra o Cancro de Pontevedra aproveita para poñer o foco sobre outra faceta dos pacientes na que impactan a enfermidade e o seu tratamento: a vida laboral. Segundo datos da entidade, o 28,4% das persoas diagnosticadas afirman ter quedado sen traballo despois da enfermidade.
A Inés Pérez diagnosticáronlle cancro de mama en estadio 3 en setembro de 2018. Tivo que pasar por un tratamento de quimioterapia, radio e inmunoterapia. Agora estará con tratamento hormonal outros sete anos. Trala enfermidade tivo que deixar o seu traballo nunha chacinería.
Con 46 anos ten unha discapacidade do 52% polas secuelas do cancro. Pero quere reincorporarse ao mercado laboral. Só pide un posto adaptado á súa condición.
Inés entra nese 28,4% de pacientes de cancro que perden o traballo despois da enfermidade, segundo datos da Asociación Española contra o Cancro. A entidade sinala a necesidade de facer cambios normativos e romper estereotipos.
Judy Arboleda, de 48 anos, tamén puxo hoxe rostro a este problema. Foi diagnosticada de cancro de mama en setembro de 2019. Despois dunha cirurxía radical, quimio, extirpación da metade dos ganglios do brazo esquerdo e co tratamento de inmunoterapia, fixo un curso de cociña e conseguiu o certificado de profesionalidade. Tivo que deixar o seu primeiro traballo porque non se adaptada ás súas secuelas pero pide novas oportunidades.
Caso semellante ao das súas compañeiras é o de Marita Gutiérrez, de 54 anos. Sempre traballou como administrativa pero o diagnóstico de cancro de mama en 2018 deixouna sen oportunidades. O seu tratamento baseouse na cirurxía conservadora, radio e tratamento hormonal. Ten unha discapacidade recoñecida do 65%.
Por iso, co gallo do Día Mundial contra o Cancro que se conmemora o vindeiro 4 de febreiro, a asociación española quere poñer o foco nesta realidade na que queda moito camiño por andar.











