Cambados descubre aos autores das pintadas do campo do Beiramar no novo videoclip de De La Ría Squad

CAMBADOS>  O concello de Cambados denuncia aos mozos que pintaron as paredes do campo de fútbol do Beiramar. Os autores teñen un grupo de rap e subiron un videoclip á internet realizando as pintadas. Dende o goberno local quixeron tomar medidas para evitar que se repitan máis pintadas sen autorizacións.

O pasado mes de xaneiro o campo do Beiramar en Castrelo apareceu pintado por uns graffitis. As autoridades non tiñan constancia de quen podía ser o culpable, pero esta fin de semana o grupo de rap De La Ría Squad subiu á internet un videoclip no que se lles vía realizando as pintadas. Debido a estes feitos o concello denuncio aos autores.

Dende o concello sinalan que non están en contra de que os artistas manifesten a súa creatividade con graffitis como este. Pero toman medidas para evitar que se leven a cabo sen ningún tipo de autorización.

Esta non é a primeira pintada que aparece na vila. Hai uns meses tamén o campo do Beiramar apareceu cun escrito no que se insultaba ao concelleiro de Cambados Pode José Ramón Abal, e esta semana tivo lugar outro acto vandálico na igrexa parroquial. Ambos foron denunciados ante a Garda Civil.

Os técnicos do concello analizaron hoxe o alcance dos danos para facer unha estimación dos custos da reparación. Aproveitando o arranxo, dende o concello sinalan que realizarán outras melloras nas instalacións. Tamén lembran aos artistas urbanos que se están interesados en realizar pintadas na vila que se poñan en contacto co concello para buscar as localizacións máis idóneas.