RIANXO> Rianxo en Común propón o abaratamento do prezo dos alugueiros para fomentar a implantación de novos negocios na localidade. Dende a formación consideran que a medida, que será abordada mañá en pleno, permitiría recuperar parte do dinamismo comercial que tivo a vila outrora.
Tomando coma referencia os datos publicados polo Instituto Nacional de Estatística, que indican que dende o ano 2012 Rianxo perdeu un total de 34 empresas, sendo o único municipio da comarca que ten hoxe un número de negocios inferior o de hai oito anos, a formación encabezada por Julián Bustelo decidiu presentar esta proposta que busca revitalizar a actividade comercial na vila, hoxe aínda máis mermada a consecuencia da pandemia.
A proposta de Rianxo en Común partiría da creación dunha bolsa pública de baixos baleiros por parte do Concello, que mesmo xestionaría o alugueiro dos locais a prezos razonables para seren utilizados por aqueles emprendedores que os quixeran.
Outra das propostas da formación para axudar ó asentamento das pequenas empresas na vila pasa tamén pola creación dunha liña anual de axudas para aqueles emprendedores que boten a andar un negocio, que consistirían no 50% do custe mensual do alugueiro do local onde vai a desenvolverse a actividade empresarial durante os seis primeiros meses dende a implantación do negocio.