PSOE e BNG, obrigados a entenderse en Caldas para que non goberne o PP

CALDAS> En Caldas, as eleccións tamén obrigan a PSOE e BNG a sentar negociar se non queren que o bastón de mando acabe en mans do popular Fernando Pérez. O PP converteuse na lista máis votada, o que obriga á esquerda a entenderse. Polo de agora nin socialistas nin nacionalistas poñen enriba da mesa as súas cartas á espera de sentar negociar. O candidato á reelección defende que hai que buscar a fórmula que lle dea máis estabilidade ao vindeiro executivo.

Dende que hai Democracia, en Caldas sempre gobernou o PSOE. E todo apunta a que así seguirá sendo nos vindeiros catro anos. Iso si, os socialistas precisan do apoio do BNG. Primeiro, para a investidura de Juan Manuel Rey. Logo está por ver se os nacionalistas se acaban unindo ao equipo de goberno ou non. Polo de agora nin uns nin outros desvelan nada.

O PSOE xa se puxo en contacto co BNG. No Bloque, que mantén os dous concelleiros que tiñan, din estar abertos a falar. Pero antes de desvela-la súa postura, o BNG celebrará unha asemblea local para decidir ata que punto se queren implicar no vindeiro executivo.

Mentres esas negociacións non comezan, tanto Juan Manuel Rey como Manuel Fariña valoran e celebran os seus resultados. O candidato á reelección salienta que, malia perder un concelleiro, logrouse que o PP non se fixese coa maioría absoluta.

E entende que o retroceso do PSOE débese, en parte ao desgaste natural que supón estar no poder dende hai tantos anos. Con todo, matiza que a renovación da lista dos socialistas supuxo tamén reter unha parte moi importante de votantes.