A AECC alerta do auxe de dispositivos de nicotina entre a mocidade e advirte do seu impacto na saúde

PONTEVEDRA> Mañá, 31 de maio, conmemórase o Día Mundial Sen Tabaco e dende a Asociación Española contra o Cancro queren concienciar sobre os riscos que supón o seu consumo. Esta mañá na sede pontevedresa acolleron unha conversa que permitiu ofrecer unha visión integral do problema. Especialmente centrouse no auxe dos novos dispositivos, como os vapeadores ou cigarros electrónicos, e o seu éxito entre a mocidade.

O consumo de tabaco sinálase como responsable de máis de 63.000 mortes o ano pasado en España e sen o seu consumo poderían reducirse o 30% dos casos de cancro.

Máis de 146.000 persoas son fumadoras a diario na provincia de Pontevedra segundo estimacións do Observatorio do Cancro da Asociación Española contra o Cancro. Deles, case 10.000 teñen entre 15 e 24 anos.

Co gallo do Día Mundial Sen Tabaco que se celebra mañá, a asociación puxo sobre a mesa estes datos.

Estes novos dispositivos preocupan e moito aos profesionais.Son vapeadores, cigarros electrónicos, tabaco quentado ou bolsas de nicotina, máis coñecidas como snus. Promociónanse case como algo inofensivo entre a mocidade pero si teñen impacto na saúde.

A mocidade é o público diana ao que a industria tabaqueira dirixe estes produtos. Faino coándose nos seus ambientes. Están en redes sociais, buscan a promoción dos influencers e mesmo financian grandes eventos, como festivais de música, para chegar aos máis novos.

Para dar a coñecer o impacto destes dispositivos na saúde e ofrecer unha visión completa, a Asociación Española contra o Cancro en Pontevedra celebrou hoxe un encontro informativo. Unha cita dirixida a sensibilizar á sociedade e fomentar estilos de vida máis saudables. Sempre coa mente posta en conseguir esa primeira xeración libre de fume no ano 2030.

A asociación presentou tamén a campaña coa que busca contrarrestar a promoción da industria tabaqueira. Veñen de crear o ‘Real Fest’, unha simulación dun cartel de festival no que, no canto de anunciar artistas, aparecen os efectos negativos e enfermidades que poden provocar o consumo de produtos do tabaco e a nicotina.