Sanxenxo repite como o concello de España con máis bandeiras azuis ao revalidar os 17 estandartes

SANXENXO> Sanxexo repite como a vila de España con máis praias galardoadas coa bandeira azul. O municipio do Salnés renova os 17 recoñecementos que xa conseguiu o ano pasado. Vilagarcía, a Illa, Poio e Ribeira tamén obteñen bandeiras nas súas praias.

O concello de Sanxenxo volve liderar o listado de municipios de España con máis bandeiras azuis. A vila do Salnés repite a xesta conseguida o ano pasado e renova as súas 17 distincións. As praias que manteñen o estandarte son A Lapa, Agra, Areas, Areas Gordas, Baltar, Bascuas, Canelas, Caneliñas, Espiñeiro, Foxos, Major, Montalvo, Nosa Señora da Lanzada, Panadeira, Paxariñas, Pragueira e Silgar. Dende o goberno local xa teñen a vista posta en conseguir as 18, obxectivo e que a praia de Nanín se sume a esta listaxe no ano 2023.

Ademais das 17 de Sanxenxo, a comarca do Salnés obtén 4 bandeiras máis, dúas para a Illa de Arousa e dúas para Vilagarcía. Na Illa as praias seleccionadas son Área da Secada e o Bao, e en Vilagarcía repiten Campanario e a Compostela. O goberno da capital do Salnés tamén se pon o obxectivo de recupera a bandeira azul para a praia do Preguntorio.

A comarca de Pontevedra contará con dúas bandeiras, unha ondeará no concello de Poio en Cabeceira e a outra en Ponte Caldelas na praia fluvial da Calzada, a única praia fluvial da comunidade que obtén este galardón. Na comarca do Barbanza será a ribeirense de Coroso a única que luza o distintivo.

Ademais das praias, Sanxenxo tamén lidera o listado de portos deportivos galardoados coa bandeiras azul: O club náutico de Portonovo, o porto deportivo Juan Carlos I e o Real club náutico de Sanxenxo.

As bandeiras azuis tamén entregan aos sendeiros e centros azuis, neste caso a comarca do Salnés obtén catro que ondearán na senda perimetral Bao – Xestela e no centro de Interpretación da Conserva da Illa de Arousa e en Sanxenxo na súa rede de sendeiros e no centro de interpretación As Telleiras.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí