Promoción turística e gastronomica irán da man co proxecto ‘Conserva A Orixe’

RIANXO> A mancomunidade Barbanza Arousa inicia esta vindeira fin de semana en Rianxo unha campaña para promover a gastronomía local e por outra banda apoiar ó sector turístico, un dos máis afectados pola pandemia. A iniciativa, ‘Conserva A Orixe’, contará coa participación de conserveiras, uns corenta locais hostaleiros e varias adegas da Indicación Xeográfica Protegida Terras de Barbanza e Iria.

De todos é coñecido o enorme potencial da conserva na comarca. Aquí sitúanse varias das principais conserveiras galegas, recoñecidas internacionalmente. Aproveitando este feito, xunto co enorme potencial da súa gastronomía, foi unha das razóns que levou á Mancomunidade Barbanza Arousa a levar a cabo este proxecto denominado ‘Conserva A Orixe’. Pero a proposta non busca só a promoción dos nosos produtos, senón tamén a revitalizar a un sector, como é o turístico, xusto antes da tempada estival.

Dende a Mancomunidade destacouse a importancia desta iniciativa, animando á veciñanza a participar nela.

A campaña iniciarase esta vindeira fin de semana en Rianxo, seguíndolle posteriormente Boiro, A Pobra do Caramiñal e Ribeira. As degustacións terán ademais premios directos a través de rascas, un aloxamento nunha casa rural, un bautismo de mergullo ou un paseo en barco pola ría, entre outros.