PONTEVEDRA> Os Bombeiros de Pontevedra incorporan unha nova ferramenta para o control e extinción de incendios. Trátase dun robot teledirixido que, conectado ao depósito do camión, expulsa auga en diferentes formatos de chorro permitindo chegar a puntos máis complicados dos lumes sen poñer en perigo aos bombeiros. Actualmente só contan con el en España o parque de Bilbao e a empresa Michelín. O concello investiu nel 18.000 euros.
Este robot teledirixido é a última incorporación ao parque de Bombeiros de Pontevedra. De fabricación francesa chega para apoiar aos efectivos no control e extinción de incendios, garantindo a súa seguridade.
Cunha autonomía de dezaseis horas, pode subir pendentes de ata 45 graos e acada unha distancia de 200 metros. Conéctase ao camión de bombeiros e expulsa auga en diferentes formatos de chorro, permitindo chegar aos puntos máis complicados dos lumes.
Esta nova ferramenta permitirá aos bombeiros pontevedreses afrontar con máis garantías a extinción de incendios en circunstancias especialmente complicadas, como foi o lume da antiga Pontesa.
Actualmente en España só contan con el no parque de bombeiros de Bilbao e na empresa Michelín. Pero en Francia é máis que coñecido: empregouse en París na extinción do lume que no 2019 arrasou a catedral de Notre Dame.
O robot vai equipado con focos e con cámaras. Ademais, existe a posibilidade de incorporarlle cámaras térmicas para analizar os puntos de calor. O concello destinou 18.000 euros á súa compra.











