Os pequenos científicos defenden as súas investigacións no Pontenciencia

PONTEVEDRA> O Pontenciencia encara a súa fase final. Os membros do xurado avanzan neste formato marcado pola pandemia, e continúan coas visitas aos centros escolares para avaliar os traballos que o alumnado presentou ao certame. Hoxe unha destas paradas foi o colexio de San Martiño de Salcedo.

As clases foron hoxe un tanto diferentes para Mariño, María e Alba. Os tres alumnos de sexto de primaria do colexio de Salcedo puxeron hoxe as súas batas de científicos e deixaron a vergoña ao lado.

Tocoulles defender os proxectos que presentaron á edición deste ano de Pontenciencia. Un exitoso programa do concello de Pontevedra que busca fomentar o pensamento crítico e o gusto pola ciencia entre a rapazada.

A pandemia obrigou a mudar o formato. O que era unha gran exposición de todos os proxectos, converteuse este ano en  visitas do xurado aos diferentes centros participantes para avaliar as propostas dos alumnos.

Presentáronse nesta edición máis de 200 experimentos. Porque o poder de convocatoria do Pontenciencia é innegable. Igual que a súa importancia na formación do alumnado.

Os rapaces tamén desfrutan coa proposta, e aprenden mentres descobren os ‘porqués’ do mundo.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí