O alcalde de Pontevedra, orgulloso do bipartito: ‘É o mellor goberno que tivo a cidade nas últimas décadas’

PONTEVEDRA> Cando acaban de cumprirse dous anos dende as últimas eleccións municipais, hoxe tocou balance deste tempo no concello de Pontevedra. O seu alcalde asegura estar máis ilusionado ca nunca no seu papel de rexedor. Para Miguel Anxo Fernández Lores este período estivo marcado fortemente pola pandemia, pero asegura que a cidade está a superar a crise cun sobresaínte. Destacou o bo entendemento co seu socio de goberno, o PSOE, e criticou abertamente o papel da oposición.

O alcalde de Pontevedra está máis que satisfeito cos últimos dous anos á fronte do concello. Miguel Anxo Fernández Lores fixo hoxe balance ao chegar ao ecuador do mandato.

E iso que a pandemia marcou con forza o último ano. A crise aberta polo coronavirus supuxo un gasto extraordinario de 7 millóns de euros ao concello. Pero, segundo Fernández Lores, o modelo pontevedrés sae reforzado.

Modernizar a administración municipal, mellorar os servizos das parroquias ou loitar polo medio ambiente e contra o cambio climático son algunas das metas que se marcou o goberno ao inicio do mandato. Executivo que, segundo Lores, é o mellor para a cidade.

O rexedor destacou que este executivo impulsou o maior volume de investimentos da historia, cun orzamento de 111 millóns de euros para este ano. No seu balance, a compra de Santa Clara é un dos grandes fitos do seu paso pola alcaldía. Iso si, lamentou que nesta operación e noutras importantes para a cidade non contaran co apoio da oposición.

Tamén criticou que outras administracións non executen as obras que teñen pendentes na cidade. Así as cousas, confía no futuro de Pontevedra.

Sobre o seu futuro, Fernández Lores non quixo adiantar se se presentará ás próximas eleccións, aínda que tampouco pechou a porta a esta posibilidade.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí