A nova Lei do litoral da Xunta garante o acceso a servizos básicos en zonas afectadas por Costas

PORTO DO SON> A Conselleira de Medio Ambiente mantivo un encontro cos veciños de Queiruga, en Porto do Son, que reclaman a conexión das súas vivendas á rede de saneamento coa instalación de colectores en zona de servidume. Ánxeles Vázquez explicou que a nova Lei de Costas da Xunta garantirá o acceso a servizos básicos en dominio público marítimo-terrestre.

A aprobación da nova Lei do Litoral por parte da Xunta permitirá que estas vivendas situadas ó carón da praia de Queiruga conten por fin con conexión á rede de saneamento. O concello cursou unha solicitude para  a instalacións dos colectores por debaixo das vivendas pero atopouse coa negativa de Costas á instalación desta infraestrutura en zona de servidume dominio público marítimo-terrestre.

Agora, a nova norma aprobada onte mesmo pola Xunta e que entrará en vigor a partir do 2 de agosto garante o acceso a servizos básicos e esencias nas zonas afectadas por Costas cunha interpretación moito menos restritiva da que viña facendo a Demarcación de Costas do estado.

O alcalde sonense agradeceu o labor da Xunta que suporá un importante beneficio para un concello como Porto do Son con case 30 quilómetros de costa. Luís Oujo lembrou que hai pouco tiveron que asumir unha actuación moito máis custosa e afectando ás fincas dos veciños pola negativa de Costas a autorizar a instalación de colectores ó carón da praia da Ornanda. Tampouco obtiveron autorización para a construción nesta zona dunha senda peonil financiada pola Dirección Xeral de Turismo.