Poio e Pontevedra, da man para unir Combarro con Bora a través de sendas peonís

POIO> O Concello de Poio lanza un proxecto de sendas peonís para uni-lo seu litoral co paseo do Lérez, xa en Pontevedra. A intención do Concello é crear catro novos treitos: en Sinás, En Chancelas, no Padrón e, por último, unha parte que uniría Lourido coa Boa Vila. Un proxecto ambicioso, que aspira a fondos europeos, e precisa da cooperación entre o goberno local de Poio e o de Pontevedra.

Imaxinen un itinerario peonil polo borde litoral de Poio, que vaia ata Pontevedra e que, dende alí, continúe polo Lérez ata Bora. Ese é o proxecto que aspiran a facer realidade o concello de Poio, xunto co de Pontevedra. Trátase dunha ambiciosa proposta que suporía a creación de case 9 quilómetros de novas sendas.

O proxecto pretende optar a fondos Next Generation para facerse realidade. Suporía a creación de catro novos treitos de sendas. O de maior complexidade, o que vai dende Lourido ata o límite coa cidade capitalina, ata a Ponte das Correntes, mesmo incluso entre o Lérez e a autoestrada. Son tres quilómetros e medio.

Para iso, cómpre da colaboración do concello veciño. Un apoio a este proxecto que hoxe ratificou o concelleiro de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural de Pontevedra, Iván Puentes.

O resto de treito repartiríanse ao longo do concello de Poio. Unha pequena parte de menos de 300 metros en Sinás, un treito de quilómetro e medio entre Covelo e Chancelas e outro dun quilómetro no Padrón, entre A Seca e Combarro. Tamén inclúe a posta a punto de máis de cinco quilómetros de sendas na Illa de Tambo. Neste caso cunha intervención menor, baseada en tarefas de mantemento.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí