Oito mariscos e corenta e seis locais, protagonistas da primeira Festa das Cunchas

PONTEVEDRA> O marisco será o protagonista da nova proposta gastronómica do concello de Pontevedra. Nace na cidade a Festa das Cunchas, un roteiro de tapas no que participarán 46 establecementos de toda a cidade. Prolongarase entre o día 18 e o 30, cun programa que se completará con xornadas gastronómicas, a celebración da primeira Batalla das Cunchas e a entrega do premio Loureiro de Ouro. Nesta primeira edición, o galardón recaerá no barrio pontevedrés da Moureira.

Pontevedra bota man da estrela da gastronomía de Rías Baixas para a súa nova proposta. Nace a Festa das Cunchas, un roteiro de tapas no que participarán 46 establecementos da cidade.

Entre o 18 e o 30 de xuño os locais participantes farán gala do seu bo facer. Con propostas innovadoras respaldadas por un produto de primeira calidade.

Os clientes poderán selar as súas consumicións e os primeiros 150 que participen nesta ruta terán un agasallo asegurado que poderán recoller na Casa da Luz.

Pero a ruta de tapas non é a única proposta desta Festa das Cunchas. O día 30 despedirase coa primeira Batalla das Cunchas, na que oito cociñeiros da cidade competirán nunha actividade dirixida polo popular chef David de Jorge, máis coñecido como Robin Food.

O programa complétase coa entrega do primeiro premio gastronómico da cidade. O bautizado como Loureiro de Ouro recaerá este ano no barrio da Moureira, para destacar o seu papel histórico no crecemento e riqueza de Pontevedra.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí