SANXENXO> Achégase o Nadal e os concellos van iluminándose pouco a pouco para recibir estas festas. Mañá será a quenda de Sanxenxo. O prendido oficial do alumeado celebrarase mañá pola tarde na Praza Pascual Veiga. Un acto que marca tamén o arranque dun ambicioso programa que este ano incorpora novidades, como un mercado do Nadal.
O tempo de desconto cara o Nadal comeza oficialmente en Sanxenxo mañá. Será co acto de prendido do alumeado especial para estas datas, que se celebrará na Praza Pascual Veiga ás 6 e media da tarde.
Pero as luces non serán o único atractivo nestas datas. O municipio ten preparada unha ampla programación, que levará actividades e ambientación a todas as parroquias. Por exemplo, Vilalonga contará cunha aldea de Nadal e Noalla, cun bosque.
En Portonovo, a Casa Mariñeira de Don Fernando converterase na sede do Polo Norte e Papá Noel recibirá alí á cativada na tarde de Noiteboa.
Unha das principais novidades será a instalación dun mercado de Nadal na Praza dos Barcos. Contará con quince casetas nas que os visitantes poderán atopar produtos típicos e artesanía, ademais de propostas de obradoiros para todos os públicos. Un destes espazos estará reservado para o Grinch, que chega por primeira vez a Sanxenxo para chancear coa veciñanza.
En canto ao 31 de decembro, a Praza de Pascual Veiga acollerá ás 12 do mediodía a ‘Queima o teu calendario’ mentres que ás 5 da tarde Silgar será o escenario da iniciativa solidaria ‘Chapuzón por unha ilusión’, en favor da Fundación Aladina. A partires das 8 da tarde celebrarase un espectáculo piromusical no porto deportivo.
Xa no 2025, na véspera de Reis, 5 de xaneiro, os Reis Magos visitarán distintos espazos do concello. Pechando así un Nadal que, como vén, non terá parada en Sanxenxo.










