Cambados pídelle á Garda Civil que reforce o traballo da Policía Local cando falten axentes

CAMBADOS>  Cambados traballa para chegar a un acordo coa Garda Civil para que reforce á Policía Local de forma puntual. Trátase dunha solución para cubrir a falta de persoal deste corpo. Neste momento catro dos seus axentes están na Academia Galega de Seguridade, ao que hai que engadir reducións de xornadas e baixas. O acordo contempla unha colaboración mutua, prestando apoio a Policía Local á Benemérita se fose necesario.

A falta de persoal na Policía Local de Cambados leva ao concello a buscar fórmulas para evitar que queden quendas sen cubrir, como xa ten pasado nos últimos meses. O goberno local acarda pechar coa Garda Civil un acordo que permita que os axentes da Benemérita cubra as ausencias da Policía Local. Trataríase, di o alcalde, dun apoio mutuo.

A Policía Local ten nestes momentos catro axentes na Academia Galega de Seguridade debido a un proceso de funcionarización. Hai tamén reducións de xornada e baixas puntuais. Unha situación que leva a que queden quendas baleiras.

Na práctica esta colaboración entre Policía Local e Garda Civil xa está funcionando. O que se busca é plasmalo nun documento que recolla ese acordo que se podería prolongar ata outubro. Polo tanto, tamén afectará ao dispositivo da Festa do Albariño. Un evento que verá reforzado varios aspectos, como máis cámaras.

Sobre a mesa tamén a creación dun punto morado de prevención de agresións machistas e o incremento dos controis de alcol e drogas.