Os concellos da Mancomunidade do Salnés paralizan a recollida de axuda humanitaria para Ucraína

CAMBADOS> Os municipios da Mancomunidade do Salnés dan por rematada a recollida de axuda humanitaria a partir deste venres. Os alcaldes da comarca mantiveron esta mañá unha reunión de urxencia para ofrecer unha resposta coordinada ante a crise ucraína. Avanzaron que a propia Mancomunidade vai fretar un camión ata a fronteira con Polonia para entregar a axuda recadada ata o de agora nos distintos municipios.

Os concellos do Salnés atópanse desbordados ante a recollida solidaria de axuda humanitaria para Ucraína. Esta mañá, os concellos da Mancomunidade mantiveron unha reunión de urxencia para ofrecer unha resposta coordinada na xestión desta crise. Acordaron suspende-la recollida de produtos dente este mesmo venres.

Como alternativa, os Concellos da Mancomunidade promoverán as doazóns económicas a ONGs que están a traballar sobre o terreo. Piden que se deixe de doar xa medicamentos porque moi dificilmente poderán chegar ao seu destino.

Sobre a xestión do material xa recollido polos Concellos, a Mancomunidade acordou fretar un camión para facer chega-la axuda a quen a necesite.

Na xuntanza desta mañá tamén se falou da acollida de persoas refuxiadas. Lembran que os concellos non teñen competencias nesta materia. Póñense a disposición do Ministerio de Exteriores e estudarán fórmulas para a cesión de vivendas.

Fan un chamamento ás iniciativas privadas a que se coordinen coas administracións pensando, din, no ben das persoas refuxiadas.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí