López non quere polémicas e volve tender a man a Landín e á súa contorna no PP de Barro

BARRO> O Partido Popular de Pontevedra quere destensar a situación na agrupación local de Barro. O secretario xeral do PP e candidato a presidente provincial tendeu hoxe a man ao exalcalde do concello, José Antonio Landín. Luis López asegura que a súa proposta é de sumar. Pero a decisión de crear unha xestora no PP do municipio non gustou ao entorno de Landín. Mesmo xa se apunta a unha posible escisión de cara ás municipais do 2023.

O secretario xeral do Partido Popular da provincia de Pontevedra mantense na súa postura. Luis López non quere entrar en polémicas sobre as tensións no PP de Barro trala decisión de nomear unha xestora que conduza o futuro do partido.

A creación da xestora e o nomeamento de Eduardo Ruadas como presidente fixo saltar ao entorno do exalcalde, José Antonio Landín. Un descontento que se recolle mesmo nas redes sociais. Páxinas ata o de agora afíns ao PP de Barro acusan ao partido a nivel provincial de intentar afastar ao Landín da vida política.

A menos dun ano para as eleccións municipais do 2023, xa se apunta a unha posible escisión do Partido Popular. Tamén se baralla que Landín e os edís José Suárez e Lucho Martínez deixen a disciplina do partido no vindeiro pleno, pasando a ser concelleiros non adscritos.

Polo de momento, José Antonio Landín desbotou conceder unha entrevista a Canal Rías Baixas.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí