PONTEVEDRA> Os traballadores da fábrica de ENCE en Pontevedra ameazan con ir á folga. O comité dá unha semana á dirección para abordar varias reclamacións: os problemas co estado das instalacións, as necesidades de máis persoal e a mellora das condicións de seguridade. Chegan a este punto porque, din, despois de sete reunións no 2024 a dirección segue sen tomar medidas.
Ultimato dos traballadores da fábrica de ENCE en Pontevedra á dirección da factoría. O cadro de persoal reclama cambios na xestión da empresa e advirten: de non atenderse ás súas demandas de seguridade laboral, xestión de persoal e investimentos, irán á folga.
Chegan a este punto despois de sete reunións no 2024 que remataron sen que a empresa tomara ningún tipo de medidas. Despois de máis dunha trintena de denuncias á Inspección de Traballo, decidiron abrir un proceso de conflito colectivo.
Denuncian o deterioro das instalacións, cunha falta de investimento xustificada ata o de agora polo risco de peche. Tamén falan de falta de limpeza industrial, instalacións obsoletas e manobras de operación que poñen en risco aos traballadores.
Tampouco gustan o alto índice de rotación, cunha elevada contratación de persoal por curtos períodos de tempo, ou a estratexia de compras. Os traballadores aseguran que non se compra a cantidade suficiente de madeira, o que afecta á produción e, polo tanto, ás súas primas salariais.
Os traballadores aseguran que as súas reclamacións e a folla de ruta proposta teñen o apoio de todo o cadro de persoal de ENCE en Pontevedra. Agora concederán unha semana á empresa para aceptar as súas demandas. Do contrario, iniciarán varias xornadas de folga.











