PONTEVEDRA> As dúbidas sobre o futuro deste proxecto da segunda fase do paseo a Marín centran tamén a actualidade do concello de Pontevedra. Hoxe o alcalde Miguel Anxo Fernández Lores asegurou que é unha actuación irrenunciable e avanzou unha ofensiva política para conseguila. Pola súa banda, o PSOE levará unha moción ao vindeiro pleno para instar ao Goberno do Estado a que se remate o paseo. Aínda que, asegurou Iván Puentes, teñen a certeza de que Costas está a buscar alternativas pero non se plantexa cancelar o proxecto.
Para o concello de Pontevedra, o remate do paseo peonil a Marín é irrenunciable.
Miguel Anxo Fernández Lores asegurou que o goberno local non está disposto a aceptar as dúbidas plantexadas por Costas sobre o futuro deste proxecto. Polo que esixirá ao Ministerio para a Transición Ecolóxica que cumpra co compromiso.
Tamén tomará a iniciativa para reclamar o remate deste paseo o Partido Socialista de Pontevedra. O seu voceiro anunciou hoxe que levarán ao vindeiro pleno unha moción para que o concello inste ao Ministerio ao Goberno a finalizar o proxecto. Ademais, levarán esta reclamación ao Parlamento galego.
A pesares desta medida, Puentes matizou a postura socialista. Sinalou que a aprobación da Lei de Cambio Climático e a súa combinación coa Lei de Costas fan inviable a execución do segundo treito do paseo tal e como estaba previsto. Por iso asegurou que o Ministerio traballa na procura de alternativas pero negou que a intención sexa meter o proxecto nun caixón.
Puentes tamén acusou ao BNG de facer un uso interesado desta información. O voceiro socialista asegurou que o goberno local era coñecedor desta postura do Ministerio dende o mes de marzo. Cre que se non o fixeron público antes foi para intentar sacar rédito político de cara ás vindeiras eleccións europeas.











