PONTEVEDRA> O convento de Santa Clara foi hoxe o escenario escollido pola Xunta de Galicia para entregar os Premios á Cultura Galega. O acto celebrouse na antiga capela, cun importante despregamento de luz e son. Entre os premiados, un da nosa zona: o Museo do Gravado á Estampa Dixital do concello de Ribeira, que recibiu o galardón ás Artes Visuais.
A igrexa do convento de Santa Clara, en Pontevedra, converteuse hoxe no escenario da festa da Cultura Galega. O recinto acolleu a entrega de galardóns aos premiados do 2023.
Un destes recoñecementos marchou para o Barbanza. En concreto, para o concello de Ribeira. O xurado premiou na categoría de Artes Visuais o Museo do Gravado á Estampa Dixital.
A produtora Portocabo foi a galardoada na categoría audiovisual. En lingua, o programa de radio Ponte… nas Ondas!, en proxección exterior, os cursos de verán Galego sen Fronteiras e en patrimonio cultural, Eduardo Pardo de Guevara. Destaca o gañador en Artes Escénicas, que este ano recaeu nunha compañía de circo, PistaCatro.
O toque reivindicativo chegou da man das gañadoras nas categorías de Letras e Música. A poeta Yolanda Castaño dunha banda e a banda de música Unión de Guláns, da outra, reclamaron máis apoio das institucións para seguir adiante e fomentar a súa actividade.
Con estes galardóns, a Xunta distingue a excelencia creativa, a capacidade de intercambio, a experimentación e a proxección do panorama cultural de Galicia.