PONTEVEDRA> Traballadores de ENCE aumentan a presión para que se convoque a mesa de diálogo sobre o futuro da pasteira. Tres representantes do comité de empresa de fábrica entraron esta mañá na Subdelegación do Goberno para reclamar un encontro coa subdelegada. Saíron co compromiso de ser recibidos por Maica Larriba o vindeiro martes. E é que insisten: o peche para eles non é unha opción.
Representantes dos traballadores de ENCE manterán unha reunión o vindeiro martes coa subdelegada do Goberno en Pontevedra. Reclaman a convocatoria da Mesa de Diálogo na que senten todas as partes para abordar o futuro da pasteira.
Decenas de traballadores concentráronse esta mañá ás portas da subdelegación. Reclamaban entrar para manter un encontro con Larriba que, segundo informaron axentes da Policía Nacional, non estaba no edificio. Tamén se viviron momentos de tensión cando só se permitiu o acceso a dous representantes. Finalmente, puideron entrar tres de CIG, UXT e CCOO.
Alertan da delicada situación na que se atopa a factoría de ENCE en Lourizán, despois de que a Audiencia Nacional anulara a prórroga concedida ata o 2073. Preocupan, ademais, os rumores que apuntan aos plans da pasteira de apostar pola fábrica que teñen en Navia.
Tampouco lles convence fiar todo o seu futuro ao recurso que se presentará ante o Tribunal Supremo.
O luns tamén está previsto que celebren unha asamblea con todo o persoal da fábrica. Alí comunicaranlles toda a información que lles facilite a dirección de ENCE e os abogados do comité.