A mostra ‘Pontevedra Flúe’ explica na rúa a estratexia da cidade para afrontar o cambio climático

PONTEVEDRA> Pontevedra explica a pé de rúa o proxecto Pontevedra Flúe. E faino cunha exposición itinerante que dá conta das 20 actuacións incluídas na estratexia. Son 82 paneis que debullan o plan de acción da concellería de Desenvolvemento Sostible para renaturalizar a contorna dos ríos e preparar a cidade para enfrontar o cambio climático.

Pontevedra resume en 82 paneis as medidas coas que se preparará para enfrontar o cambio climático. Hoxe inaugurouse a exposición ‘Pontevedra Flúe’.

A mostra xa se pode visitar na Ponte do Burgo. Está formada por 20 cubos que resumen as 20 actuacións que compoñen a estratexia impulsada dende a concellería de Desenvolvemento Sostible.

A exposición recompila 75 fotografías actuais e 34 históricas. Incluso incorpora dúas montaxes fotográficas para amosar o impacto que o cambio climático tería na cidade se non se actúa.

Con esta actuación, o edil busca achegar os contidos de ‘Pontevedra Flúe’ á cidadanía. Convertindo a estratexia nun proxecto de cidade.

O destape do Gafos, o parque de auga na contorna da Illa das Esculturas ou a rehabilitación da ponte do ferrocarril, son algunhas das intervencións contempladas en ‘Pontevedra Flúe’ que se executarán próximamente. Ademais, a mostra recolle outros plans como a renaturalización do paseo de Rafael Areses ou a recuperación da Xunqueira de Alba.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí