O GROVE> O antigo centro privado de educación infantil Nuestra Señora del Carmen do concello do Grove, coñecido como o colexio das monxas, será propiedade municipal. O goberno local vén de pechar un acordo de compra por 1 millón 25 mil euros, que permitirán incorporar unha parcela de máis de 2.000 metros cadrados aos equipamentos públicos do municipio. A intención do executivo é centralizar nel todo o relacionado cos servizos sociais, incluíndo un centro socioterapéutico para maiores e dependentes.
Os máis de 2.000 metros cadrados do antigo centro privado de educación infantil Nuestra Señora del Carmen pasarán a ser propiedade do concello do Grove.
Un espazo privilexiado no que o goberno quere centralizar todo o referente aos servizos sociais. Dende as oficinas do departamento ata os programas que se realizan cos maiores da vila, liberando para outros usos espazos como o colexio de Monte da Vila, que agora acolle o programa Vellos Tempos. Tamén apostan pola creación dun centro socioterapéutico.
Ademais, o concello estuda a posta en marcha a finais de setembro dun servizo de conciliación para as familias con cativos na lista de agarda da gardería municipal.
O concello terá que pagar 1 millón 25 mil euros pola compra, que agarda pechar en setembro. Farase en catro anualidades. A primeira xa se aboará este ano, e suporá algo máis da metade da contía total da operación.
A intención é destinar ao pago destas anualidades parte dos fondos do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra que recibe O Grove cada ano. Ademais, agardan contar con achegas tando da administración provincial como da Xunta de Galicia para afrontar posibles reformas que precise o inmoble, aínda que dende o executivo destacaron o bo estado no que se atopan as instalacións.