O PSOE, disposto a negociar co BNG para sacar adiante os orzamentos para o 2024

PONTEVEDRA> Seis meses despois da toma de posesión de Miguel Anxo Fernández Lores en Pontevedra e a piques de rematar o ano, o Partido Socialista fai balance deste novo mandato que afronta dende a oposición. A formación acusa ao BNG de non entender a mensaxe enviada polos electores, de falta de diálogo e de prepotencia. Así as cousas, non pechan a porta a un futuro acordo. De cara o ano que vén tenden a man aos nacionalistas na procura dun entendemento.

Falta de diálogo, imposición e prepotencia. Así resume o Partido Socialista os seis meses de goberno en minoría do BNG en Pontevedra.

Ata o de agora non houbo entendemento entre os que foran socios de goberno. De feito, segundo Puentes o executivo nacionalista está decidido a eliminar a pegada do PSOE do mandato anterior.

A pesares deste punto de partida, os socialistas agardan que a situación poida mudar no 2024. Incluso antes. Tendo en conta que o BNG precisa do seu apoio para sacar adiante os orzamentos para o vindeiro ano.

Sobre as negociacións para aprobar as contas municipais, o PSOE asegurou que do decálogo de demandas que presentaron, o BNG só se amosou disposto a aceptar dúas. Un acordo insuficiente para os socialistas, tendo en conta os cinco concelleiros que teñen na actual corporación.