‘Salvadora’: a cervexa artesá que presume do escudo de Poio

POIO> A parroquia de San Salvador, en Poio, pode presumir de ter a súa propia cervexa. Chámase Salvadora, e nace da colaboración de dúas empresas poienses dedicadas á produción de cervexa artesá: Meiga e Palmkids. Hoxe presentárona, como non podería ser doutro xeito, na parroquia de San Salvador.

Hoxe é 6 de agosto, día de San Salvador, pero o seu patrón non foi o único que esta parroquia de Poio puido celebrar nesta xornada. Xa poden presumir de ter a súa propia cervexa: Salvadora.

Detrás de Salvadora están dúas coñecidas marcas de cervexa artesá Meiga e Palmkids. As dúas empresas elaboran na parroquia de San Salvador cunha visión global do mundo cervexeiro.

Meiga e Palmkids explican que este é o produto dunha longa amizade e que non será o único. A intención é lanzar unha liña de cervexas artesás elaboradas de xeito conxunto.

Salvadora presume de ser de Poio. Tanto que na súa etiqueta leva unha reinterpretación do escudo do concello. Por iso o goberno local non podía permanecer alleo.

Segundo explican os seus elaboradores, pronto poderemos atopar esta cervexa tan especial no mercado.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí