Traballadores de ENCE boicotean o pregón das Festas da Peregrina

PONTEVEDRA> Traballadores de ENCE boicotearon esta mañá o pregón das Festas da Peregrina, en Pontevedra. Ao redor de trescentos asistiron á convocatoria feita polos comités de empresa, tanto de oficinas como de fábrica.

A mañá comezou cun importante despregue de seguridade na contorna do palco da música da Alameda. O acto estaba previsto para o mediodía, pero xa dende antes comezaron a reunirse os traballadores convocados á mobilización.

Unha vez comezado o pregón, arrancaron tamén as protestas. Petardos, pitidos e berros de ‘ENCE si, paro non’ mantivéronse durante toda a lectura do pregón, que este ano correu a cargo da música e integrante do grupo Bala, Violeta Mosquera. A pesares das protestas, Mosquera exerceu o seu papel de pregoeira para dar o comezo oficial á semana grande da cidade.

Os momentos de maior tensión vivíronse á saída da corporación municipal do recinto acotado no que se celebrou o pregón. Os traballadores da pasteira tiraron cos valos e avanzaron, intentando pechar o percorrido. Houbo incluso intentos de agresión dirixidos principalmente ao alcalde da cidade, Miguel Anxo Fernández Lores. Finalmente, escoltados por efectivos da Policía Local e dos antidisturbios da Policía Nacional, o goberno local conseguiu refuxiarse nunha cafetería próxima.