Pontevedra propón un verán con máis de 300 actividades, entre elas as Festas da Peregrina

PONTEVEDRA> Máis de 300 actividades encherán o verán pontevedrés de diferentes propostas para todos os públicos. O concello presentou hoxe a súa programación para esta época estival, que abrangue dende a Festa dos Libros esta mesma fin de semana ata a Feira Franca, que se celebrará os días 5 e 6 de setembro. Entre medias, concertos, cinema, monicreques, baile e, por suposto,as Festas da Peregrina, farán que o verán non teña parada en Pontevedra.

Xa coñecemos ao detalle o programa de actividades que o concello de Pontevedra prepara para estes meses de xullo, agosto e setembro. Unha programación que se presenta acompañada dun lema que é toda unha declaración de intencións: Verán. Un tempo para gozar.

A Festa dos Libros marca o inicio esta fin de semana. Seguiranlle en xullo propostas como a música electrónica do Senda Fest, o ciclo Cinema e Estrelas, o Memorial Ricardo Portela, Itineranta, as Festas de Santiaguiño do Burgo, o Animatrón ou o arranque do ciclo Con Voz de Muller. Ademais, este mes hai dúas novidades: unha relacionada co Titirivedra e a estrea da proposta Aires da Alameda.

Xa agosto comeza co Festival Internacional de Jazz e Blues, a Urbana de Monte Porreiro e o Aquí Cántase. Para do 8 ao 18 mergullarnos nas Peregrinas, as festas grandes da cidade. A programación inclúe os concertos de Paloma San Basilio, Rosario Flores, Marina Reche, Lendakaris Muertos, Ortiga, Khea, The Rapants ou Kiko Veneno, entre outros.

A Festa do Demo ou a Feira Franca, este ano dedicada ás meigas, son outras das citas que prolongan as festas do verán pontevedrés ata o mes de setembro.

A esta programación, totalmente gratuíta, súmanse as iniciativas privadas que complementan a proposta do concello. Son concerto de Jennifer López e o festival Big Sound en xullo, e o festival Río Verbena no mes de agosto.