O PP insiste en Raíña Vitoria: impulsa un cambio para que sexa o pleno quen decida sobre o peche das rúas

PONTEVEDRA> En Pontevedra, o Partido Popular volve á carga para conseguir a reapertura ao tráfico da avenida Raíña Vitoria. No vindeiro pleno defenderán a modificación da ordenanza reguladora da mobilidade amable no concello para que as competencias para ordenar o peche da circulación nas rúas pasen da Alcaldía ao pleno municipal. Polo tanto, sería a corporación ao completo a que decidiría sobre o futuro desta avenida.

O Partido Popular non renuncia a conseguir a reapertura ao tráfico da avenida Raíña Vitoria. A intención da formación é esgotar a vía administrativa polo que volverán recorrer ao pleno municipal. Presentarán unha moción para modificar a Ordenanza Reguladora da Mobilidade Amable.

Deste xeito, os populares queren evitar o que sucedeu en xullo. O pleno aprobou por maioría a reapertura da avenida pero o goberno local decidiu non cumprir este acordo.

Esta modificación podería saír adiante no pleno cos votos a favor do PP e co apoio ou mesmo a abstención do Partido Socialista. De non conseguilo, os populares non desbotan levar aos xulgados o acordo plenario do mes de xullo para a reapertura de Raíña Vitoria.

Unha vez presentada esta modificación, será a secretaría do pleno a encargada de elaborar un informe que se levará a ditame a comisión. Alí poderán facerse as alegacións pertinentes antes de someterse a debate no pleno.