NOIA> A formación vai presentar unha queixa formal ante a consellería de Sanidade por esta situación.
A través dunha moción que levarán a pleno, a Marea Cidadá de Noia, denuncia os fortes recortes no centro de saúde da localidade durante o verán.
Dende a formación apuntan a que se produciu unha redución á metade no número de facultativos que atenden na atención primaria, ó que se suma tamén a falla do servizo de pediatría. Tamén denuncian a redución en tres persoas do persoal do servizo de enfermería e que, durante uns días, non houbo servizo de farmacia, o que obrigou a moitos doentes a ter que desprazarse a Ribeira ou Boiro para sellar as recetas.
Dende a Marea inciden en que durante a época estival é cando máis usuarios fan uso do centro de saúde, xa que dan servizo tamén ós turistas que se achegan á localidade. Pero non só iso, dende a formación aluden a que o persoal do dispensario xa lles ten manifestado o seu cansazo polo nivel de saturación, o que implica que non poida dar unha atención de calidade.
Dende a Marea instan ó alcalde, Santiago Freire, a mirar máis polos servizos esenciais da vila, e critican que fixese oídos xordos ante esta situación, da que, segundo eles, ten constancia.