NOIA> Os nacionalistas criticaron o feito de que tódalas súas emendas para estas dúas comarcas valoradas en seis millóns de euros foran rexeitadas polo PP nas distintas Comisións Parlamentarias anteriores á aprobación dos orzamentos.
Os orzamentos da Xunta para o vindeiro ano 2022 serán aprobados este martes no Parlamento. O BNG aproveitou a ocasión para criticar o escaso interese e o abandono ó que o Goberno Galego ten sumido ós municipios das comarcas de Muros e Noia en materias como educación ou sanidade.
Tamén denuncian a falla de partidas para o saneamento, obviando actuación importantes nesta materia en municipios como Outes e Noia. Para este último, o BNG reclama a execución dun Plan Director para o que os nacionalistas presentaron unha emenda de máis de 1’3 millóns de euros para a mellora da EDAR.
Tamén denuncian a existencia de diversas partidas que xa aparecían reflectidas en orzamentos de anos anteriores coo é o caso da a dedicada á mellora do abastecemento de auga de Noia, a do desdobramento do corredor Brión-Noia ou do remate da rampla de Esteiro.
Os nacionalistas critican que continúan sen atenderse cuestións tan básicas como a creación dunha escola infantil pública en Noia e tamén en Outes. Reclaman tamén a creación dun comedor para o colexio Rodríguez Cadarso de Noia.
Botan en falla tamén obras de mantemento nas estradas AC-550 e na AC-196, dous viais nos que segundo eles a falla de seguridade viaria é patente.
O BNG presentou tamén unha partida superior ó millón de euros para a execución do proxecto para a mellora da Avenida de Fisterra de Outes, que leva máis de 10 anos comprometida, e unha emenda por máis de 200 mil para o arranxo e mantemento da ponte de Ceilán.
Outra das apostas prioritarias para o BNG vai dirixida á musealización das laudas gremiais de Noia.
Os nacionalistas seguen mantendo o seu firme compromiso co modelo de recollida e tratamento de residuos da planta de Lousame, incluíndo unha emenda de 500 mil euros para a compra dunha máquina volteadora.