A devoción polo ‘máis milagreiro’ atrae milleiros de persoas á romaría de San Bieito

PONTEVEDRA> Hoxe en Pontevedra é festa. A cidade tómase unha xornada festiva para celebrar o Día de San Bieito. Unha romaría que, como marca a tradición, mestura devoción e diversión a partes iguais. Milleiros de persoas achegáronse hoxe ata o mosteiro de Lérez para honrar ao santo máis milagreiro.

Os arredores do Mosteiro de San Salvador de Lérez foron un bulir continuo de xente. Como marca a tradición milleiros de persoas achegáronse hoxe para celebrar o Día de San Bieito.

E é que se hai un santo con sona de milagreiro, é San Bieito. Son moitos os que encomendan a el as súas esperanzas e favores.

Tal foi a afluenza de público que este ano se esgotou o aceite milagreiro. Aquel que segundo di a tradición cura os males da pel de quen o bota.

Como toda romaría que se prece, devoción e festa comparten protagonismo case a partes iguais. Nos arredores do mosteiro non faltaron o churrasco, o polbo e, por suposto, as rosquillas.

Tamén houbo comida, a tradicional mexilloada e música popular do outro lado do Lérez, ao pé do río. Na contorna da praia fluvial continuou a festa menos relixiosa que se prolongou durante todo o día.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí