FACSA asumirá en outubro o mantemento das depuradoras de Couso e Corrubedo

RIBEIRA> Esta mañá materializábase no salón de plenos do Concello a sinatura do contrato que se prolongará ata o ano 2025. O importe de adxudicación por estes tres anos ascende a un total de máis de 3’3 millóns de euros

O alcalde, Manuel Ruíz, asinaba esta mañá con representantes da empresa Facsa o contrato de adxudicación do mantemento das estacións depuradoras de Couso e Corrubedo.

A firma asumirá o servizo das dúas instalacións a partir do vindeiro mes de outubro. Farao por un período de tres anos, cun prezo de adxudicación de 3’3 millóns de euros.

O rexedor valorou moi positivamente o acordo, que agarda poida ser moi beneficioso para os intereses do municipio, tanto pola boa xestión medioambiental como polo aforro que suporá para o peto dos veciños, de ó redor dun 10%

A de Ribeira será a primeira experiencia da empresa castellonense en Galicia.

Facsa fará unha aposta tecnolóxica importante nas dúas depuradoras, coa introdución de diferentes solucións dixitais aplicadas á xestión intelixente e tamén de sustentabilidade ambiental, coa aposta pola enerxías de orixe renovable. Razóns polas que obtivo o beneplácito dos técnicos no concurso de adxudicación.

O contrato prolongarase ata o 2025, ano no que vence tamén o acordo con Viaqua, empresa que xestiona actualmente o servizo de abastecemento de auga. Daquela o Concello plantexaríase a posibilidade de sacar un novo concurso para que unha mesma empresa xestione os dous servizos, auga e saneamento, e así poder pechar o ciclo urbano da auga, cunha xestión integral e eficiente dos recurso.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí