PONTEVEDRA> O estado de abandono dun edificio na rúa Serra de Pontevedra mantén en vilo aos veciños da zona. Despois de anos reclamando unha intervención, conseguiron que o concello comezara onte os traballos para asegurar a estrutura. Pero a veciñanza desconfía e teme que as medidas que se tomen non sexan suficientes e que a seguridade de transeúntes e das vivendas adxacentes non quede garantida.
Dende o ano 2003 leva abandonado o edificio do número 10 da rúa Serra, en pleno centro do casco histórico de Pontevedra. O tempo foi deteriorándoo e os veciños levan anos denunciando a perigosidade que supoñía a situación da estrutura.
Despois de anos de denuncias, onte o concello comezou a actuar no edificio de xeito subsidiario. Despois, trasladará os custos aos titulares do inmoble. Aínda que satisfeitos polo inicio das actuacións, a veciñanza lamenta que tiveran que recorrer aos medios de comunicación para ser escoitados.
Lamentan a xestión realizada dende o concello de pontevedrés e acusan ao goberno local de desidia.
Advirten, ademais, que non van baixar a garda. O concello optou polo desmantelamento total da estrutura do edificio. E a veciñanza vixiará que se cumpran os compromisos para garantir a seguridade dos transeúntes e das vivendas adxacentes.
Dende o concello calculan que os custos da actuación oscilarán entre os 65.000 e os 70.000 euros, contía que terán que asumir os propietarios do inmoble.











